|
| Palabra de Vida |
Xaneiro 2012 |
Palabra de vida - Xaneiro 2012
Como en anos pasados, do 18 ao 25 de xaneiro celébrase en moitos lugares do mundo a «Semana de oración pola unidade dos cristiáns», que noutros sitios ten lugar en Pentecoste.
O lema para a «Semana de oración» de 2012, tomado da carta de san Paulo aos corintios, é: «Todos seremos transformados pola vitoria do noso Señor Xesucristo» (cf. 1 Co 15, 51-58).
Propoñemos como Palabra de vida deste mes un texto de Chiara que comenta Colosenses 3, 1, que, ao noso parecer, garda relación co lema elixido. |
«Resucitastes con Cristo! Buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus» (Col 3, 1)1.
Estas palabras que san Paulo dirixe á comunidade dos colosenses dinnos que existe un mundo no que reina o amor verdadeiro, a comuñón plena, a xustiza, a paz, a santidade, a alegría; un mundo onde o pecado e a corrupción xa non poden entrar; un mundo onde a vontade do Pai se cumpre perfectamente.
É o mundo ao que pertence Xesús. É o mundo que El, pasando a través da dura proba da paixón, nos abriu de par en par coa súa resurrección.
«Resucitastes con Cristo! Buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus»
Nós non é que esteamos chamados a este mundo de Cristo –di san Paulo–, senón que xa pertencemos a el. A fe dinos que mediante o bautismo nos incorporamos a Cristo e, por conseguinte, participamos na súa vida, nos seus dons, na súa herdanza, na súa vitoria sobre o pecado a sobre as forzas do mal, pois temos resucitado con El.
Pero, a diferenza das almas santas que xa alcanzaron a meta, a nosa pertenza a este mundo de Cristo non é plena nin está completamente desvelada; sobre todo, non é estable nin definitiva.
Mentres esteamos nesta terra estamos expostos a mil perigos, dificultades, a tentacións que poden facernos vacilar, poden frearnos no camiño e incluso desviarnos cara a falsas metas.
«Resucitastes con Cristo! Buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus»
Compréndese, pois, a exhortación do apóstolo: «Buscade as cousas de alá enriba». Tratade de saír deste mundo non xa materialmente, senón espiritualmente; abandonade as regras e as paixóns do mundo para deixarvos guiar en todas as situacións polos pensamentos e sentimentos de Xesús.
Pois «as cousas de alá enriba» remítennos ás leis do ceo, a lei do Reino dos Ceos, que Xesús trouxo á terra e quere que apliquemos xa desde agora.
«Resucitastes con Cristo! Buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus»
Como vivir, pois, esta Palabra de vida? Esta estimúlanos a non contentarnos cunha vida mediocre, a base de medias tintas e de componendas, senón a adecuala, coa graza de Deus, e a lei de Cristo.
Impúlsanos a vivir e a comprometernos no noso contorno a dar testemuño dos valores que Xesús trouxo á terra, como poden ser o espírito de concordia e de paz, de servizo aos irmáns, de comprensión e perdón, honestidade, xustiza, integridade no noso traballo, fidelidade, pureza, respecto á vida, etc.
Como vemos, trátase dun proxecto tan amplo como a vida. Pero, para non quedarnos en vaguidades, poñamos en práctica este mes esa lei de Xesús que en certo modo resume todas as demais: poñámonos ao servizo de cada irmán vendo nel a Cristo.
Por outra parte, non é isto o que se nos pedirá ao final de nosa existencia?
Chiara Lubich
1) Escrita en 1988: Palabra de vida, abril 1988, publicada en Ciudad Nueva nº 238. |
| |
|