Afrontémolo: no momento histórico que estamos a vivir, no que recibimos noticias cada día máis alarmantes, falar de coraxe pode parecer case fóra de lugar. Todo parece levarnos ao desánimo, atrapados entre a inseguridade ante situacións abrumadoras e unhas expectativas que nos esixen estar sempre á altura das circunstancias.
Pero ter coraxe non significa non sentir medo, dor ou impotencia. Ás veces, simplemente significa non deixar que eses sentimentos nos derroten e atopar a forza para seguir adiante. E a miúdo, esa forza nace precisamente cando non afrontamos sós o que nos acontece.
Chiara Lubich escribe: «Se hai unha realidade misteriosa nas nosas vidas, é a dor. […] Mesmo aqueles que están ao noso carón e nos queren a miúdo non poden axudarnos a resolvela; e, con todo, ás veces abonda con que alguén a comparta connosco, quizais en silencio».»[1].
A palabra clave é precisamente esta: “compartir”. Porque tamén require coraxe saír de nós mesmos, achegarse aos demais e non permanecer indiferentes ao que están a vivir.
Mesmo nos momentos máis escuros, esforcémonos por atopar a forza para vencer o mal co ben. Non nos pechemos en nós mesmos, senón que permanezamos abertos aos demais, coidándoos con pequenos xestos concretos, tanto nas accións cotiás como no noso compromiso social na construción do ben común.
Ás veces, a coraxe dunha persoa é posible grazas a outras persoas que, cando é necesario, deciden non mirar para outro lado. Isto queda ilustrado pola historia que conta Mario Calabresi sobre o seu encontro con Ali, un xastre moi querido que traballa nunha pequena tenda dunha cidade do norte de Italia. «Unha vida que sorprende a calquera que queira afastarse das simplificacións do noso tempo. Pensemos en cantas etiquetas se lle poderían aplicar a Ali, reducíndoo a un número, só unha máis entre tantas: "refuxiado", "inmigrante sen papeis", "migrante ilegal que chegou en barco", "solicitante de asilo"... Porque Ali foi todas esas cousas. (...) Ali conseguiu construír unha vida serena e normal, a que soñaban os seus pais, porque atopou xente que, nos momentos máis difíciles, se achegaba a el e non o deixaba afundir. Sucedeu cando, no bosque da fronteira con Bulgaria, unha voz lle dixo que cambiase de dirección para evitar ser disparado polos gardas fronteirizos; aconteceu cando o seu amigo Ahmad o arrastrou ata a cuberta do barco que os levaba a Italia, para evitar que afogase“. E esa axuda continuou cando o alcalde dunha pequena vila do sur de Italia o acolleu na casa dunha tía maior que falecera recentemente; cando dous profesores xubilados dunha pequena vila do outro extremo de Italia, no norte, lle abriron a súa casa para que non tivese que durmir na estación nin no parque; e cando un grupo de amigos actuaron como o seu avalista coa axencia inmobiliaria para que puidese alugar o local.
Calabresi conclúe: «A súa historia dime que outros poden marcar a diferenza. Nós somos eses outros»[2]
[1] C. Lubich, Palabra de vida Marzo de 2005: Palabras de vida/2 (1991-2006) (ed. F. Ciardi), próxima edición.
[2] Mario Calabresi, Ricucire a vita ("Remendar a vida"): https://mariocalabresi.com/ricucire-la-vita-2.